Thursday 09 de May de 2024

O motociclismo chega ao programa Xogade que xunta toda a oferta deportiva escolar e federada para os participantes de 6-16 anos


_José Ramón Lete Lasa, subliña a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez, ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.

O próximo sábado 22 de abril terá lugar na explanada exterior do circuíto da Madalena, en Forcarei, a primeira das xornadas do proxecto ‘Xogade coas motos’, que organiza a Xunta de Galicia da man de VF Timing.

‘Xogade coas motos’ pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. Os máis pequenos terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos e serán avaliados por monitores que informarán aos pais do nivel no que se atopan. Trátase dunha primeira toma de contacto que permite que os nenos con inquedanzas polo motociclismo poidan achegarse a este deporte sen que os pais teñan que facer o investimento inicial, así como asesoramento para a súa práctica habitual en escolas, circuítos ou competicións. Ademais, estas xornadas son posibles grazas ao seguro do Programa Xogade, a cargo da Xunta de Galicia, para nenos de 6 a 16 anos.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, subliñou a importancia de achegar o deporte de motor aos máis pequenos e con toda a seguridade, nun momento no que moitos dos rapaces e rapazas queren imitar aos seus ídolos que están a destacar no panorama mundial do motocrós, como Jorge Prado, Rubén Fernández ou Yago Martínez, ou do trial, como Gabriel Marcelli ou Jorge Casales.

Xunto a estas xornadas, dentro do circuíto da Madalena, celebrarase durante todo o día unha Xornada de Pista para quen xa practique de forma habitual o motociclismo. Para a inscrición, debe enviarse un correo electrónico a info@vftiming.com co nome e idade do neno e un número de teléfono de contacto.